A Casa do Pazo

É a sede central do Museo. A pesar de non ser orixinalmente ( foi casa prioral no S.XV e logo casa reitoral) unha casa de labranza responde perfectamente a esta tipoloxía tanto estrutural como funcionalmente. Destaca exteriormente o forno; moi prolongado e de grande altura.

Neste espazo preséntase a CASA tradicional da zona como unha unidade básica do sistema cultural tradicional. Unidade que non só responde ás necesidades socioculturais e ás derivadas dunha economía de autosuficiencia; na “casa” transfórmanse os produtos do campo e do gando en alimentos , confecciónanse e constrúense os obxectos e utensilios imprescindibles para o desenvolvemento cotián da vida e do traballo.

Un percorrido polas súas dependencias ( a cociña, o pasadoiro, o cuarto, a sala,…) e as construcións adxectivas (  hórreo, forno, alpendres,….) permite coñecer multitude de utensilios e apeiros necesarios para que a CASA funcione e ferramentas dos oficios tradicionais frecuentes na zona: o ferreiro, o canteiro, a tecelá, o zoqueiro, o latoeiro, a costureira, o serranchín,….

LOCALIZACIÓN

A Casa do Pazo atópase nun contorno privilixeado; á beira da Igrexa parroquial de Santiago de Capela . Aquí comeza o antigo camiño medieval que se adentra no Parque Natural das Fragas do Eume cara ao Mosteiro de Caaveiro.