CAPÍTULO I. DA ASOCIACIÓN EN XERAL

Artigo 1.-

1.1.-A Asociación “Patronato do Museo Etnográfico da Capela” constitúese como unha entidade de carácter civil sen ánimo de lucro, tendo conforme ás leis capacidade xurídica propia independentemente da dos seus asociados.

1.2.- Rexirase polas disposicións contidas nos presentes Estatutos e pola Lei orgánica 1/2002, de 22 de marzo, e normas complementarias.

Artigo 2.-

Son fins desta entidade:

A investigación, estudio, difusión, conservación, defensa e promoción da cultura galega e concretamente, a partir dos fondos da colección etnográfica do C.E.I.P” Mosteiro de Caaveiro”, crear un museo etnográfico que recolla, recupere e poña en valor o patrimonio etnográfico (material e inmaterial) galego.

Artigo 3.- En cumprimento dos seus aludidos fins, a asoc. creará un museo de etnografía e antropoloxía que se chamará Museo Etnográfico da Capela rexido na forma que se especificará nestes estatutos e no Regulamento que os desenvolverá.

– Este museo recollerá os fondos da Colección Etnográfica do C.E.I.P ”Mosteiro de Caaveiro” que os cederá mantendo a titularidade dos mesmos e reservándose o dereito a recuperalos se esta asoc. ou o museo se disolve.

– Este museo radicará na Capela, no local ou locais que para dito cometido determine a Asoc.

– A titularidade do museo será exclusiva da Asociación “Patronato do Museo Etnográfico da Capela”

Artigo 4.-

Para cumprir cos fins citados no artigo 2 a asociación, ben directamente por si, pola Xunta Rectora ou pola dirección do museo coidará de:

4.1.- Organizar conferencias, exposicións, seminarios, cursiños, obradoiros, visitas guíadas e outros actos divulgativos relacionados cos seus fins.

4.2.- Establecer comisións e grupos de traballos para realizar estudos, sesións de investigación, proxectos e outras actividades relacionadas co exercicio das súas funcións.

4.3.- Editar publicacións de carácter científico, boletíns, catálogos ou calquera outra información gráfica ou audiovisual sobre temas relacionados cos seus fins.

4.4.- Convocar concursos, premios que favorezan o cumprimento dos fins da asociación.

4.5.- Promover a donación de fondos para a súa entrega no museo.

4.6.- Fomentar as relacións de colaboración con outras entidades e institucións que permitan o mellor cumprimento dos fins da asociación.

4.7.- Colaborar coas autoridades competentes, con todos os medios aos seu alcance , na defensa, conservación e posta en valor do Patrimonio artístico e cultural da Capela para beneficio dos habitantes da Capela e da sociedade en xeral.

4.8.- Organizar calquera outra actividade socio-cultural que a Xunta rectora considere oportuno para o cumprimento dos fins da asociación.

Artigo 5.-

5.1.- O domicilio social da asociación radicará na Casa rectoral do Pazo, 15613 A Capela podendo cambialo mediante acordo da Xunta rectora.

5.2.- Esta asociación desenvolverá fundamentalmente as súas actividades no concello da Capela e as zonas colindantes que polas súas afinidades culturais mereza o seu interese, aínda que puntualmente poderá actuar en calquera outro ámbito xeográfico se a Xunta rectora o considerase favorable para a consecución dos seus fins.

Artigo 6.-

A entidade terá unha duración indefinida e só se disolverá na forma prevista na Lei e nestes estatutos ( Artigos 31, 32) .

Art. 7.-

O idioma propio da asociación será o galego. En consecuencia todos os seus documentos oficiais serán redactadaos en galego agás aqueles que impliquen unha relación coa administración central do Estado ou con organismos non radicados en Galicia, que serán bilingües.

CAPÍTULO II. DOS MEMBROS DA ASOCIACIÓN.

Artigo 8.-

Poderán ser membros da asociación todas as persoas físicas ou xurídicas, con plena capacidade de obrar, que teñan interese nos fins da asociación, e que soliciten a súa integración ante a Xunta rectora, que someterá o acordo a ratificación pola 1ª Asemblea.

Artigo 9.-

Os socios non poderán ser separados da asoc agás que concurran algunha das situación previstas como causa de baixa:

– a solicitude de baixa por parte do interesado.

– o imcumprimento reiterado das súas obrigas económicas coa asociación.

– as actuacións contrarias aos principios que inspiran e rexen a asociación contidos nos presentes estatutos.

As baixas a petición propia serán comunicadas por escrito polo interesado á Xunta rectora que dará coñecemento da mesma na primeira Asemblea xeral.

A expulsión dos asociados será acordada pola Xunta rectora e deberá ser ratificada pola Asemblea xeral e en contra dela poderase recorrer diante da xurisdición ordinaria.

Artigo 10 .-

A Asoc. constará de dúas clases de asociados:

1.- INSTITUCIONAIS:

a) Fundadores:

Serano as institucións que promoven a constitución e fundación desta asociación:

. Concello da Capela

. C.E.I.P “Mosteiro de Caaveiro”.

b) Asociacións e entidades sen ánimo de lucro da Capela que así o soliciten.

Estarán representadas pola persoa que a entidade designe; o seu nomeamento, cese ou substitución deberá ser comunicado ante a Xunta rectora.

2.- OS SOCIOS DE Nº , que poderán ser de tres clases:

a) Ordinarios

Todas as persoas físicas e/ou xurídicas, con plena capacidade de obrar, que desexen colaborar nas actividades da asociación e así o soliciten ante a Xunta rectora.

b) Protectores

Aquelas persoas físicas e/ou xurídicas, entidades ou institucións que , a criterio da Xunta rectora e polo seu apoio económico, funcional ou material á asociación sexan merecedoras de tal consideración. Serán propostos pola Xunta rectora e ratificados pola Asemblea xeral.

c).-Socios de honra

Aqueles que destacan, pola súa especial contribución ao desenvolvemento dos fins da

asociación. Serán propostos pola Xunta rectora e ratificados pola Asemblea xeral.

Artigo 11.-

Os socios teñen os seguintes dereitos:

– tomar parte en calquera actividade que a asociación organice.

– participar con voz e voto na Asemblea xeral, así como ser elector e elexible para os cargos directivos.

– recibir información sobre os acordos adoptados polos órganos directivos e sobre o estado de contas.

– recepción gratuíta de folletos e publicacións ordinarias.

– entrada gratuíta ás instalación do museo e a aquelas que determine a Xunta rectora.

– formular propostas e suxerencias sobre as actividades da asociación e/ou o funcionamento do museo.

– impugnar os acordos e actuacións da asociación contrarios aos Estatutos e demais normativa vixente.

Artigo 12.-

Os socios teñen as seguintes obrigas:

– colaborar nas actividades da asociación.

– asistir ás Asembleas xerais.

– cumprir os presentes estatutos e os acordos válidos da Xunta rectora.

Ademais , os socios de número ordinarios e os institucionais non fundadores, deberán satisfacer as cotas establecidas pola Asemblea xeral.

CAPÍTULO III. DO FUNCIONAMENTO ASOCIATIVO

Réxime Xeral

Artigo 13.-

A Asociación rexerase segundo os presentes estatutos, sempre que os seus contidos non se opoñan ás leis nin contradigan os principios contidos na Lei orgánica 1/20002 e o seu desenvolvemento regulamentario.

Artigo 14.-

O goberno e a representación da asociación están a cargo dos seguintes órganos:

– a Asemblea xeral, como máximo órgano colexiado de goberno da asociación.

– a Xunta rectora , como órgano colexiado en quen a Asemblea delega o goberno permanente da asociación.

– a presidencia como órgano unipersoal con función de goberno e de representación determinadas polos Estatutos.

ASAMBLEA XERAL

Artigo 15.-

A Asemblea xeral é a reunión de todos os membros da asociación (representantes dos membros institucionais e os socios). Os seus acordos son vinculantes para todos os demais órganos e ten a facultade de elexir aos membros da Xunta rectora non natos.

Artigo 16.-

A Asemblea xeral reunirase con carácter ordinario unha vez ao ano e convocarase con alomenos dez días de antelación.

Entenderá e aprobará , se procede, o peche das contas de ingresos e gastos do exercicio correspondente ao ano anterior e elixirá aqueles cargos que estatuitariamente teñan que renovarse; ambas cuestións con carácter obrigatorio.

Entenderá e optativamente tratará ademais aqueles temas que a Xunta rectora ou a presidencia da asoc. introduzan na Orde do día.

A Asemblea xeral ordinaria debaterá obrigatoriamente , e aprobará se procede, o plano de actuación e o presuposto de ingresos e gastos do ano seguinte e a memoria.

Artigo 17.-

A Asemblea xeral reunirase con carácter extraordinario sempre que a convoque o presidente da Asociación, un tercio dos membros da Xunta rectora ou un tercio dos asociados.

Artigo 18.-

As convocatorias das Asembleas xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, faranse por escrito, expresando o lugar, data, hora da reunión e Orde do día.

Adxuntarase a documentación necesaria para que os debates e decisión teñan lugar co debido coñecemento de causa.

As convocatorias remitiranse alomenos dez días antes da data sinalada para a reunión.

Artigo 19.-

As Asembleas xerais quedarán validamente constituídas cando estean presentes alomenos a metade dos seus membros; en 2ª convocatoria (pasada media hora) calquera que sexa o número de concurrentes.

Artigo 20.-

Os acordos das Asembleas tomaranse por votación, aprobándose por maioría simple dos participantes.

Artigo 21.-

Presedirá e moderará a Asemblea xeral o presidente da asociación que será á súa vez o presidente da Xunta rectora.

Actuará como secretario a persoa que exerza este cargo na Xunta rectora.

XUNTA RECTORA

Artigo 22.- A Xunta rectora estará formada por:

a) vocais natos:

– 2 membros designados polo Concello

– 2 membros designados polo C.E.I.P”Mosteiro de Caaveiro”

– 1 representante do Arcebispado de Santiago ( en base ao acordo de cesión da Casa rectoral para sede da asociación).

b) vocais elexidos pola Asemblea xeral:

– 2 representantes das asociación e entidades sen ánimo de lucro da Capela.

– os representantes dos socios ordinarios ( Terán un número equivalente ao 5% cun mínimo 3 e un máximo de 7).

– 1 representante dos socios de honra.

c) o director (con voz e sen dereito a voto).

Artigo 23.-

A Xunta rectora renovarase seguindo os criterios seguintes:

a) vocais natos:

– os representantes do Concello, nomeados polo Pleno, coa correspondente lexislatura.

– os do Colexio, nomeados polo Consello escolar (preferentemente un representante do claustro e outro dos pais), na metade de cada lexislatura municipal.

– a renovación do representante do Arcebispado estará suxeita ao criterio da citada Institución.

b) os outros vocais renovaranse cada 2 anos.

Os distintos representantes poderán obstentar calquera dos cargos que conformen a Xunta rectora sempre e cando sexan elixidos no seo da mesma.

Artigo 24.-

Serán funcións da Xunta rectora:

– representar á asociación.

– interpretar os Estatutos e Regulamento de réxime interno , e velar polo seu cumprimento.

– executar os acordos da Asemblea xeral.

– resolver sobre a admisión de novos asociados.

– administrar os fondos e patrimonio da asociación.

– nomear comisións, grupos de traballo.

– aprobar os programas de investigación e de actividades do museo.

– solicitar subvencións e redactar o presuposto da asociación que será sometido á aprobación da Asemblea.

– propoñer os cargos para que sexan ratificados pola Asemblea xeral.

– propoñer o nomeamento ou cese do director e outros cargos do museo.

– nomear colaboradores ou asesores, se o considera necesario.

– promover cantas actividades sexan necesarias para o mellor cumprimento dos fins da asociación.

– e todas aquelas necesarias para o normal funcionamento da asociación que lle encargue ou delegue expresamente a Asemblea xeral.

Artigo 25.-

25.1.- A Xunta rectora ou unha comisión nomeada por esta poderá redactar un Regulamento de réxime interno que regule o funcionamento do museo así como calquera outro aspecto da vida da asociación non contemplado suficientemente nestes Estatutos. Este regulamento poderá ser modificado en calquera momento. Tanto a súa aprobación como a súa modificación serano pola Asemblea xeral.

25.2.- A Xunta rectora se o considera oportuno por necesidades de funcionamento do museo poderá propoñerlle á Asemblea o nomeamento dun director. Para ocupar este cargo será preciso ostentar a condición previa de membro da asociación e non será compatible co cargo de presidente da mesma.

O tipo de relación contractual, titulación, grado de dedicación, réxime de incompatibilidades e remuneración serán decididos en cada caso pola Asemblea a proposta da Xunta rectora.

Se a Xunta rectora considera que hai un incumprimento grave das súas obrigas poderá propoñerlle en calquera momento á Asemblea xeral a súa revogación ou o seu cese mediante escrito no que se expoñan os motivos da proposta. O/a afectado/a terá dereito a facer as súas alegacións perante a Asemblea xeral.

CARGOS E FACULTADES DOS DIRECTIVOS DA XUNTA RECTORA.

Artigo 26.-

26.1.- Presidente/a:

Será proposto pola Xunta rectora. O seu mandato estará suxeito ao que se especifica no art. 23.

As súas funcións son:

– representar legalmente á asociación en actos e contratos con autoridades e organismos.

– defender os intereses, incluídas accións legais, da asociación.

– ordenar os pagos que sexan procedentes, firmando co tesoreiro, cheques, recibos e documentos análogos.

– autorizar co Vº e P. as actas e certificacións expedidas polo secretario, o tesoreiro ou a Xunta rectora.

– impulsar e desenvolver as actividades da asociación.

26.2.- Vicepresidente/a:

Será proposto pola Xunta rectora. O seu mandato estará suxeito ao que se especifica no Art. 23. Representará ao presidente naqueles casos ou asuntos que éste lle delegue e substituirao en caso de renuncia, ausencia ou impedimento.

26.3.- Tesoreiro/a:

A proposta da Xunta rectora e polo período que o art. 23 determina.

As súas funcións son:

– administrar os fondos da asociación de acordo co disposto pola Xunta rectora. Para iso responderá das cantidades das que se faga cargo ou se ingresen na conta da asociación.

– intervir en todas as operacións contables da asociación, revisando e informando das contas rendidas.

– dar cumprimento das ordes de pago que expida a asociación.

– efectuar e presentar balance e presuposto anual que serán presentados á Xunta rectora para que as someta a aprobación da Asemblea xeral.

26.4.- Secretario/a:

Será proposto pola X. rectora. O seu mandato está determinado no art. 23.

As súas funcións son:

– asumir toda as funcións propias da secretaría e arquivo da asociación.

– levantar actas das reunións da Xunta Rectora e da Asemblea xeral.

– notificar convocatorias da Xunta rectora e da Asemblea.

– coidar da correspondencia e custodia-la documentación oficial.

– redactar as memorias anuais.

– recibir e tramitar as propostas de novos membros.

– levar un ficheiro ou libro de rexistro destes.

26.5.- Vocais:

Efectuarán as funcións propias da Xunta rectora segundo as misións que ésta lles encomende.

Poderán substituir ao vicepresidente, tesoreiro e secretario, de acordo co resto da Xunta rectora.

26.6.- Director/a:

As súas función son:

– a participación con voz pero sen voto nas reunión da Xunta rectora onde informará sobre a marcha do museo.

– a elaboración de propostas de actividades do museo e a súa execución unha vez aprobadas polos órganos competentes.

– a organización e control do persoal.

– a supervisión do deseño e realización dos diferentes proxectos e planos museolóxicos.

– a control e mantemento dos fondos e do funcionamento ordinario do museo.

– representar e dirixir as relación con outras entidades, persoas físicas ou xurídicas para o desenvolvemento dos programas e actividades do museo.

– a presentación do informe de actividades do museo na Asemblea xeral.

REUNIÓNS DA XUNTA RECTORA

Artigo 27.-

27.1.- A Xunta rectora reunirase alomenos trimestralmente así como cando o soliciten por escrito ao presidente, como mínimo un tercio dos seus membros. As convocatorias será feitas polo secretario co visto e prace do presidente con tres días de antelación e incluiranse na mesma a Orde do día.

27.2.- Os acordos da Xunta rectora, validamente constituída, tomaranse por maioría simple dos asistentes decidindo en caso de empate o voto de calidade do presidente ou o que faga as súas veces.

27.3.- A Xunta rectora estará validamente constituída cando asistan a metade máis un dos seus membros.

27.4.- De cada unha das sesións levantará acta o secretario que levará o libro correspondente.

RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 28.-

28.1.- A asociación carece de patrimonio fundacional, e, os posible beneficios obtidos como consecuencia das súas actividades económicas deberán destinarse exclusivamente ao cumprimento dos seus fins.

28.2.- Os recursos económicos da asociación procederán de:

– as axudas que o Concello da Capela estableza.

– as cotas periódicos que entreguen os seus asociados.

– subvencións de institucións (Xunta de Galicia, Deputación,….).

– subvencións , legados ou doazóns que poda recibir.

– os ingresos que se obteñan mediante actividades lícitas que dentro dos fins estatutarios acorde realizar a Asociación.

– calquera outro recurso lícito que, como tal sexa no seu día aprobado ou aceptado pola Asemblea xeral.

28.3.- En ningún caso as citadas aportacións implicarán dependencia algunha que non sexa a de estricto carácter derivado administrativo ou contractual.

28.4.- O exercicio asociativo e económico será anual e o seu peche terá lugar o 31 de dembro de cada ano.

28.5.- Para a disposición dos fondos das entidades bancarias onde a asociación teña depositadas os mesmos, deberán ter recoñecidas as firmas: o presidente e tesoureiro. Para o emprego conxunto delas.

CAPÍTULO IV. DA MODIFICACIÓN de ESTATUTOS e DISOLUCIÓN

Artigo 29.-

Os presentes Estatutos poderán ser modificados a proposta da Xunta rectora o da metade dos asociados, en Asemblea xeral extraordinaria, tendo a modificación como único punto da Orde do día.

Artigo 30.-

A asociación disolverase polas causas seguintes:

– pola vontade dos seus membros, acordada en Asemblea xeral convocada ao efecto pola maioría cualificada das persoas presentes ou representadas que resultará cando os votos afirmativos superen a metade.

– polas causas determinadas no artigo 39 do Código civil.

– por sentenza xudicial.

Artigo 31.-

En caso de disolución, a Asemblea xeral nomeará unha comisión integrada por un representante de cada un dos membros da asociación para cumprir co que a continuación se expresa:

– comunicación ao rexistro de asociacións corrrespondente para proceder á inscrición da disolución da asociación.

– proceder á liquidación dos bens, pagando débedas , cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante atendendo ás seguintes consideracións:

. devolver aos seus respectivos lexítimos propietarios os obxectos de calquera clase que tiveran depositados no museo.

. entregar os demais obxectos que existan nese momento ao C.E.I.P.”Mosteiro de Caaveiro” (se opta por refacer a súa colección etnográfica) ou a outro/s museos.

. entregar a documentación, libros, ficheiros e datos científicos ás entidades que recollan os fondos anteriores.

. se houbese numerario será adicado a financiar un programa de actividades culturais a designar pola comisión liquidadora.

. en último termo recurrirase á poxa.