Todos os pobos teñen unha individualidade de seu que lles dá a súa específica personalidade. Esa conformación emana da fonda raigame dos nosos antepasados, os seus costumes, a súa maneira de vivir, as súas crenzas, …; todo un conxunto de componentes que dan lugar ao sagrado edificio da Cultura. É moito o que o mundo rural ten aportado a ese edificio e á vida ,en xeral; tamén é evidente que unha grande parte desa aportación está esmorecendo progresiva e implacablemente.
Coa finalidade de recuperar como recurso de identidade e poñer en valor como recurso de desenvolvemnento local ese rico patrimonio créase no ano 2001 o MUSEO ETNOGRÁFICO da CAPELA.
Cóntase de partida cos fondos da Colección Etnográfica do C.E.I.P ”Mosteiro de Caaveiro” froito dunha experiencia sociopedagóxica desenvolvida desde o ano 1981 no colexio coa participación de pais, mestres, veciños e principalmente dos nenos e nenas.
Artéllase como unha “rede de museos”; cada un deles xira ao redor dun centro de interese e todos, á súa vez están interrelacionados
entre si formando parte de rutas eco-etnográficas que lle permiten ao visitante deambular polo acontecer histórico dos homes e mulleres da zona. Esta rede está integrada por: A Casa do Pazo · Parque Etnográfico do Sesín · A Escola
A Casa do Pazo
É a sede central do Museo. A pesar de non ser orixinalmente (foi casa prioral e posteriormente rectoral) unha casa de labranza responde perfectamente a esta tipoloxía, tanto estructural como funcionalmente. Nela preséntase a “casa” como unha unidade básica do sistema cultural tradicional. [+]
A Escola
A ESCOLA é unha viaxe no tempo que nos traslada á infancia común, ás antigas escolas unitarias do rural, ao noso pasado formativo desde os tempos da Lei Moyano, …
Un tesouro aberto que garda verdadeiras reliquias e curiosidades, vestixios dunha época…[+]